O Campus Terra da USC lanza unha nova programación formativa con seminarios e cursos en Lugo

LugoXa
Trátase dunha decena de seminarios e cursos que abordan temáticas clave nos ámbitos de especialización deste campus
facultade-ciencias-lugo
16 Apr 2025

O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) pon en marcha unha nova vaga de actividades formativas que se desenvolverán durante o mes de abril no Campus de Lugo.

Trátase dunha decena de seminarios e cursos que abordan temáticas clave nos ámbitos de especialización deste campus, con propostas que combinan a divulgación científica, a innovación tecnolóxica e a sustentabilidade.

Entre os seminarios programados destaca "A Vida nunha Gota: Bioquímica e Tecnoloxía para Salvar Vidas", baseado no documental La Vida en una Gota, dirixido por Pedro Lendínez. A actividade, que se celebrará o 22 de abril ás 18.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias, inclúe a proxección do documental e un debate co estudantado arredor da importancia do cribado neonatal na detección temperá de metabolopatías.

Tamén no ámbito da alimentación sostible, o seminario "Re_imaxinando a alimentación dende o prato_do_territorio", coordinado por Luzia Oca e impartido por Lucas Requeijo, director da Axencia Prato DO, celebrarase o 24 de abril ás 16.00 horas na Aula 2 da Facultade de Ciencias. A proposta aposta por unha metodoloxía participativa para reflexionar sobre os desafíos alimentarios actuais e futuros dende unha perspectiva local.

No eido da sustentabilidade ecolóxica, o 24 de abril desenvolveranse dous seminarios simultáneos, dende as 10.00 horas no Salón de Actos da EPSE: un centrado na Estratexia Galega de Infraestrutura Verde e da Conectividade e Restauración Ecolóxicas, e outro sobre a Estratexia Nacional homónima, ambos co obxectivo de dar a coñecer estas ferramentas clave no marco das políticas ambientais europeas e estatais.

Tamén o 24 de abril, ás 16.00 horas, terá lugar na sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria o seminario "Aplicación de sensores e monitorización no gando vacún", impartido por Elio López, CEO de Innogando. A actividade está orientada ao uso de tecnoloxías de monitorización no gando para fomentar unha gandería máis eficiente, sostible e dixitalizada.

CURSOS

No apartado de cursos, o 23 de abril ás 16:30 horas arrinca na EPSE o curso de Iniciación a Docker, unha proposta práctica para achegar ao estudantado ao mundo das tecnoloxías de contedores e á súa aplicación na administración de sistemas en contornos GNU/Linux.

A innovación e a enxeñaría tamén terán o seu espazo con dous cursos centrados no deseño e fabricación de maquetas para proxectos técnicos. O curso de Deseño de maquetas, que comezará o 25 de abril ás 16.00 horas, e o curso de Fabricación de maquetas, que se iniciará o 28 de abril tamén ás 16.00 horas, ambos na Aula de Instrumentación da EPSE, pretenden dotar ao alumnado de ferramentas prácticas para desenvolver prototipos que melloren a comprensión e execución de solucións en proxectos enxeñerís.

Con esta nova oferta, o Campus Terra reafirma o seu compromiso coa formación de calidade, multidisciplinar e conectada cos retos actuais do territorio e da sociedade.

⚙ Configurar cookies
0.17049717903137