O Campus Terra inaugura unha nova edición de XuvenCiencia con 95 estudantes participantes

GaliciaXa | LugoXa
A iniciativa de inmersión científica desenvolverase ata o 4 de xullo e permitirá ao alumnado achegarse ao traballo investigador e á vida universitaria
Apertura-Xuvenciencia-2026-Lugo
29 Jun 2026

O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela deu inicio a unha nova edición do Campus de Verán XuvenCiencia cun acto de apertura celebrado no Auditorio da Facultade de Veterinaria. A iniciativa conta coa colaboración da Deputación de Lugo dentro do apoio anual que a institución provincial mantén coa USC e reunirá durante os próximos días a preto dun cento de estudantes nunha experiencia centrada na divulgación científica e a convivencia universitaria.

Na súa vixésimo cuarta edición, o programa contará coa participación de 95 mozos e mozas procedentes de 4º da ESO, Bacharelato e ciclos medios de Formación Profesional, que desde este luns e ata o 4 de xullo poderán coñecer de primeira man a realidade da investigación e o funcionamento dos laboratorios universitarios.

Durante o acto de inauguración, Miguel Fernández deu a benvida ao alumnado participante e destacou a importancia educativa, científica e social desta proposta. O deputado sinalou que esta experiencia representa unha oportunidade singular para que a mocidade poida achegarse ao traballo investigador e descubrir o funcionamento dos centros universitarios desde dentro.

Fernández explicou ademais que os participantes vivirán unha semana diferente á habitual, marcada pola realización de experimentos, o acceso a laboratorios e a resolución de distintos retos científicos, permitindo así un contacto directo co traballo que desenvolven investigadores e profesionais do ámbito académico.

Durante a súa intervención tamén puxo o foco na curiosidade como elemento esencial para impulsar o coñecemento e destacou o papel que desempeña a universidade pública como espazo de creación, investigación e transferencia de coñecemento á sociedade.

O deputado concluíu reafirmando o compromiso da Deputación de Lugo co apoio á mocidade, á educación pública e á investigación, que definiu como elementos estratéxicos para o desenvolvemento e o futuro da provincia.

0.12389206886292