O Campus Terra lanza unha nova convocatoria do programa de prácticas 'Retorna ao rural'
O Campus Terra da USC lanza unha nova convocatoria do programa Retorna ao rural , unha iniciativa para o campus de especialización localizado na sede universitaria luguesa, a través da cal o alumando matriculado nos dous últimos cursos das titulacións de grao impartidas nas facultades de Ciencias, Formación do Profesorado, Veterinaria, EPS de Enxeñaría, Humanidades e Administración e Dirección de Empresas poderán completar estadías formativas de ata tres meses de duración en empresas asentadas no medio rural.
O prazo de solicitude permanece aberto ata o 31 de marzo e as persoas beneficiarias poderán solicitar o recoñecemento de ata 13 créditos ECTS. A presente convocatoria impulsada desde o Campus Terra inclúe a oferta de dez bolsas de prácticas formativas, a razón de dúas por cada titulación, para o alumnado dos graos en Nutrición Humana e Dietética, Bioquímica, Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Administración e Dirección de Empresas e Xestión Cultural. As facultades de
Veterinaria e Formación do Profesorado, así como a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, que fan unha xestión directa da concesión destas estadías en empresas asentadas en localizacións rurais, ofrecen tamén un total de 24 prazas para o
estudantado dos seus respectivos títulos de grao.
A tramitación da solicitude destas bolsas, cuxo período de duración se prolongará entre 1 e 3 meses, pode realizarse xa a través do Rexistro electrónico da USC. As bolsas do programa Retorna ao Rural co Campus Terra son remuneradas e compatibles con outras axudas ao estudo do Ministerio de Educación e Formación Profesional e da Xunta de Galicia, ao tempo que contemplan un amplo abano de actividades formativas compatibles coas obrigas académicas do alumnado beneficiario. A xornada laboral dos bolseiros e bolseiras será de 25 horas semanais. Unha vez rematada a estadía, o estudantado do Campus Terra beneficiario deberá remitir unha memoria informativa antes de proceder á solicitude do recoñecemento de ata un máximo de 13
créditos ECTS.
A orde de prelación entre solicitantes virá determinada pola respectiva nota media que figure no expediente académico na USC, integrada polas cualificacións que correspondan ao curso 2021/2022, sempre que tales cualificacións consten en actas na data fin de prazo de presentación de solicitudes. A contía das axudas habilitadas pola USC a través desta convocatoria orientada a favorecer o desenvolvemento de tarefas relacionadas coas saídas profesionais coas titulacións que cursa o estudantado beneficiario contempla un importe máximo de 1.200 euros para estadías de trimestrais, ademais dos custos derivados das cuotas de Seguridade Social. As achegas para prácticas por un tempo inferior a tres meses e superior a 30 días será proporcional.