O Campus universitario de Lugo acolleu a presentación dunha investigación sobre educación emocional

LugoXa
“No contexto dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e no horizonte de 2030, a saúde mental adquire unha relevancia crecente", sinalou a a profesora da USC María Dolores Fernández
investigación-no-campus-de-Lugo-USC
2 Nov 2024

Coa intención de achegar luz a como a educación emocional pode axudar a que as persoas se enfronten a situacións complexas que requiren de solucións innovadoras, a profesora da USC e coordinadora do grupo de investigación Atalaia, María Dolores Fernández Tilve, xunto a Raquel-Amaya Martínez González, catedrática da Universidade de Oviedo, coordinou un monográfico na revista Relieve sobre educación emocional en tempos de crise.

A obra, presentada no Pazo de Montenegro de Lugo, conforma unha mirada interdisciplinaria que inclúe estudos cos que asentar bases conceptuais e ferramentas metodolóxicas que contribúan a desenvolver a educación das emocións e a fomentar o benestar das persoas como dereito fundamental.

“Faise prioritario abordar a formación en aspectos socio-emocionais dunha maneira sistemática e proactiva na esfera educativa”, destacou a profesora Fernandez Tilve xa que “as TRIC (Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación) provocan unha serie de cambios na maneira de relacionarse a infancia e a adolescencia”.

Neste senso, a profesora realizou un repaso por algúns dos estudos máis recentes neste ámbito realizados pola OMS, UNICEF ou UNESCO nos que se salienta a importancia dun uso responsable, saudable e menos intensivo das tecnoloxías. Segundo a profesora Fernández Tilve, “o benestar dixital, hoxe por hoxe, constitúe un desafío ao que temos que enfrontarnos todas as persoas como sociedade”. Trastornos alimenticios, problemas de insomnio e de ansiedade, ou cadros depresivos foron algúns dos aspectos preocupantes aos que fixo referencia a profesora de Ciencias da Educación.

“No contexto dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e no horizonte de 2030, a saúde mental adquire unha relevancia crecente, que invita a impulsar proxectos que fortalezan a práctica da educación emocional de calidade, imprescindible para afrontar tempos de crise como os actuais”, sinalou.

María Dolores Fernández Tilve estivo acompañada no acto polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; e o presidente de Asociación Interuniversitaria de Investigación Pedagóxica (AIDIPE), Jesús Miguel Muñoz Cantero.

0.17312693595886