O castelo de Pambre acolle a presentación do libro 'Escenas da vida encuberta' de Fernando García Penas

A sala de exposicións do castelo de Pambre acollerá o sábado 20 de decembro de 2025, ás 12.00 horas, a presentación do libro Escenas da vida encuberta, do escritor e profesor palense Fernando García Penas. A obra está editada por Alentia Teatro e conta con ilustracións de Icía García Carregal.
No acto intervirán o propio autor, a filóloga María José Gómez Alvite e Francisco Pardo, en representación do Instituto de Estudos Ulloáns. Durante a presentación proxectarase tamén a gravación da representación Un punto negro con sombreiro, un dos capítulos que forman parte de Son de muller.
Son de muller propón un percorrido pola memoria da desigualdade e polos espazos onde esta aínda subsiste, ás veces con formas e linguaxes renovadas e outras mantendo palabras e estruturas tradicionais cunha envoltura actualizada. A obra aborda o que supón nacer muller tanto no ámbito familiar como no social, cunha mirada que esperta a reflexión crítica de quen observa e escoita, sinalando responsabilidades e camiños de superación.
O libro Escenas da vida encuberta recompila 40 escenas organizadas en oito apartados: Son de muller, Soidades, Cemiterio de Bonaval, Excursión a Xermade, Rúa de Francos, Luou, Vilar de Donas e O Xirimbao, configurando unha obra que combina memoria, territorio e análise social.