O CB Adai logra o ascenso á Primeira División da Liga Nacional de Pool Royalpro

O Club de Billar Adai foi unha das grandes protagonistas do primeiro encontro da II Liga Nacional de Pool Royalpro, celebrado simultaneamente en Lugo e Burgos, tras conseguir unha das prazas de ascenso á Primeira División. A Real Federación Española de Billar volveu confiar nas instalacións do club da pequena localidade corguesa para organizar esta importante cita nacional, recoñecendo así a calidade das súas instalacións.
Nesta primeira xornada reuníronse en Lugo os equipos de Segunda División da zona norte de España, mentres que os conxuntos da zona centro-sur competiron na cidade de Burgos. Das dúas sedes saíron tres equipos que conseguiron o ascenso esta tempada: os campións de cada grupo e o mellor segundo da clasificación global.
Na sede burgalesa, o ascenso foi para o equipo soriano C.A. Numancia de Billar. Pola súa banda, en Lugo, a clasificación quedou na casa grazas ao triunfo do CB Adai. A terceira e última praza foi tamén para un equipo lucense, Academia Poolroom.Lvcvs, que conseguiu o ascenso ao rematar como o mellor segundo do cómputo xeral.
O CB Adai afrontou esta primeira competición cun equipo formado por Iván Rey, Ismael Balboa, Andrés Carballo e Victor Castro, con Juan José Vergel como capitán.
O seguinte reto para o conxunto corgués chegará no mes de febreiro, cando deberá demostrar novamente o seu nivel, esta vez na Primeira División nacional. O equipo afrontará esta nova etapa coa mirada posta nun obxectivo aínda máis ambicioso: conseguir o ascenso á División de Honra e poder medirse cos mellores clubs de billar de todo o país.