O CB Breogán dedica o encontro de hoxe á difusión da labor de Adace

LugoXa
O CB Breogán dedica o encontro que disputará esta tarde contra o Granada á difusión da labor que realiza a asociación Adace
Breogan adace
28 Jan 2023

O CB Breogán dedicará o encontro de hoxe sábado ante o Granada que se celebrará no Pazo dos Deportes a visibilizar a labor da Asociación de Dano Cerebral Adquirido de Lugo,  Adace. No marco desta iniciativa, o club celeste empregará os seus perfís en redes sociais para difundir os servizos que presta a entidade, dedicada a mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias: centro de día, logopedia, fisioterapia, terapia ocupacional, transporte adaptado ou actividades de ocio e tempo libre, entre outros.

Na presentación, a directora do centro de Adace en Lugo, Iria Abel, explicou que “o dano cerebral adquirido ven producido na maioría dos casos por un ictus, un accidente cerebro vascular doutro tipo, un traumatismo ou unha enfermidade rara, cambiando de forma repentina, as circusntancias vitais das persoas que o sufren e das súas familias” e sinalou que “a sensibilización e a información á sociedade son esenciais para mellorar a súa situación”.

O deputado de Deportes Efrén Castro e o director xeral do CB Breogán Tito Díaz coincidiron en salientar “a dimensión social que este tipo de accións lle dan ao deporte”, lembrando que a colaboración entre a Vicepresidencia e o club “pretende ser,  a través de accións coma estas, unha ferramenta útil para toda a sociedade”. O director xeral breoganista adiantou ademais que durante o encontro se lembrará ao xornalista Arcadio Silvosa, recentemente falecido.

Ademais da participación en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, coma este caso, o contrato de patrocinio entre a área de Deportes e o CB Breogán prevé diferentes accións do fomento do deporte e dos hábitos saudables con
visitas a clubs e centros educativos e a promoción de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais das diferentes comarcas.

0.1739821434021