O CB Breogán e o Concello de Lugo presentan unha camiseta especial polo Arde Lvcvs

Presentouse en Lugo a nova camiseta deseñada de forma conxunta polo Club Baloncesto Breogán e a Concellería de Xuventude do Concello de Lugo, unha iniciativa coa que se pretende contribuír á difusión a nivel nacional da festa de recreación histórica do Arde Lvcvs, declarada de Interese Turístico Internacional.
Durante o acto, o alcalde Miguel Fernández destacou a colaboración do club e da súa directiva, subliñando o compromiso do Breogán en accións que transcenden o ámbito deportivo e que teñen tamén unha dimensión social, educativa e cultural. Valorou ademais a visibilidade que achega o equipo á cidade e a súa implicación constante co Concello en proxectos conxuntos.
O rexedor puxo en valor que esta nova camiseta chega nun ano especialmente significativo, no que o Arde Lvcvs celebra o seu 25 aniversario e o Breogán conmemora o seu 60 aniversario, sinalando o desexo de que a festa continúe a proxección dun club que considera clave para a identidade local.
Pola súa parte, o concelleiro Jorge Bustos avanzou que o club ten previstas outras accións de difusión da festa, como a proxección do vídeo oficial do Arde Lvcvs no marcador do Pazo dos Deportes durante o encontro que o Breogán disputará fronte ao Bàsquet Girona o 16 de maio.
No mesmo ámbito de colaboración entre o Concello e o club, a Xunta de Goberno Local aprobou o contrato de patrocinio publicitario co Breogán para os anos 2026, 2027 e 2028, cunha achega anual de 350.000 euros condicionada á categoría na que compita o equipo, podendo variar entre 350.000 euros en ACB, 200.000 en Primeira FEB, 100.000 en Segunda FEB e 50.000 en LF Challenge.
O contrato incorpora tamén retorno promocional para a cidade, con presenza institucional e accións de visibilidade da marca Lugo, así como actividades sociais e educativas con visitas de xogadores e corpo técnico a espazos municipais como a Casa da Xuventude, escolas deportivas, a Casa da Música ou a Casa das Linguas.
Segundo o alcalde, esta colaboración encaixa na estratexia municipal de proxección da marca Lugo a través do deporte profesional e do retorno social do vínculo co Breogán, mentres que desde o ámbito de Deportes e Xuventude se destacou que esta alianza reforza a conexión entre o deporte de elite, o deporte base e a identidade colectiva da cidade.