O CB Breogán visibilizará a labor de Asorlu no último partido da temporada no Pazo

## O CB Breogán visibilizará a labor de Asorlu no último partido da temporada no Pazo
### O encontro fronte ao Zaragoza servirá para dar difusión ao traballo da Asociación de Persoas Xordas de Lugo e reivindicar unha sociedade máis inclusiva
O CB Breogán dedicará o último partido da temporada no Pazo dos Deportes este venres 29 de maio, ás 20:30 horas, fronte ao Zaragoza, a visibilizar a labor da Asociación de Persoas Xordas de Lugo (Asorlu). A iniciativa foi presentada esta mañá polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o director xeral do CB Breogán, Salva Arco; e a vicepresidenta de Asorlu, Mónica Lourés.
A través desta acción, a entidade lucense contará cos espazos promocionais do Pazo e co alcance das redes sociais do club lucense para difundir os recursos e servizos que ofrece, así como para sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de seguir avanzando cara a unha maior inclusión en todos os ámbitos.
Durante a presentación, Efrén Castro destacou que “remata unha gran temporada no deportivo, que foi tamén de apoio a distintas iniciativas do ámbito social no Pazo, dedicando o último encontro a Asorlu, unha entidade con máis de 50 anos de actividade que, entre outras moitas cousas, facilita que os plenos da Deputación de Lugo cheguen a todas e todos a través da lingua de signos”. Ademais, sinalou que “o Pazo é un bo escenario para nos recordar ás administracións e á sociedade que, aínda que avanzamos en inclusión, queda moito camiño por recorrer”.
Pola súa banda, Mónica Lourés agradeceu “a iniciativa que nos permitirá difundir o traballo que desenvolvemos para mellorar a calidade de vida das persoas xordas e dar visibilidade tamén á lingua de signos”.
Salva Arco mostrouse “encantado de poder desenvolver estas accións durante todo o ano” e asegurou que o partido contra Zaragoza servirá para que “máis xente vos siga coñecendo e saiba da gran labor que facedes”.
Esta iniciativa enmárcase dentro do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán. O convenio inclúe tamén outras accións relacionadas coa participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización impulsadas por entidades sociais, así como no fomento do deporte, dos hábitos saudables e na promoción de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.