O CB Ensino de Lugo confirma o seu regreso á EuroCup Women cun orzamento récord

O presidente do Club Baloncesto Durán Maquinaria Ensino, Manuel Durán, confirmou que o conxunto lucense competirá na EuroCup Women 2026-2027, levando "con orgullo e responsabilidade" o nome de Lugo por Europa. A decisión foi anunciada nunha rolda de prensa na que explicou que o club valorou durante semanas a conveniencia de participar na competición continental.
"Dubidamos bastante, pero finalmente decidimos dar o paso", recoñeceu Durán, quen destacou que o respaldo do Concello de Lugo resultou determinante para facer realidade este novo reto deportivo. O presidente agradeceu expresamente a colaboración da administración local, asegurando que "nos vai botar unha man moi importante" e salientou a boa sintonía existente. Segundo indicou, o Concello entendeu a importancia de proxectar a imaxe da cidade a través do deporte nunha competición internacional.
Será a segunda ocasión na historia do Ensino na que dispute un torneo europeo. A anterior experiencia produciuse na tempada 2021-2022, coincidindo co 40 aniversario da entidade. Daquela superou a fase previa fronte ao Magnolia Campobasso e posteriormente competiu na fase de grupos contra o Kangoeroes Mechelen, o Basket Landes e o Valencia Basket, quedando eliminado nesa rolda.
Durante a comparecencia, Manuel Durán anunciou tamén que o Durán Maquinaria Ensino contará a próxima tempada cun orzamento de 1.050.000 euros, a cifra máis alta da súa historia. O presidente puxo en valor a continuidade do club na máxima categoría do baloncesto feminino español, na que cumprirá oito campañas consecutivas, así como a fidelidade da súa afección.
Ao mesmo tempo, advertiu das dificultades económicas que afrontan os equipos femininos para manterse na elite. Explicou que os custos aumentaron nos últimos anos, especialmente polos incrementos salariais e pola competencia das universidades dos Estados Unidos, que ofrecen contratos cada vez máis atractivos ás xogadoras.
Durán destacou que o Ensino mantén unha boa reputación grazas ao cumprimento dos seus compromisos coas deportistas. Ademais dos salarios, o club asume gastos como a vivenda e o vehículo das xogadoras, un aspecto que, segundo afirmou, facilita a chegada de novos reforzos.
O presidente aproveitou tamén para facer un chamamento á cidadanía para incrementar o apoio ao equipo desde a bancada do Pazo dos Deportes e reclamou unha maior implicación doutras administracións, especialmente da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, para facer fronte ás esixencias dunha competición cada vez máis profesionalizada.
Finalmente, confirmou que os carnés de socio para a vindeira campaña experimentarán unha subida de prezo, aínda que incluirán tamén o acceso aos encontros da EuroCup Women.