O CD Biosbardo de Lugo proclámase campión por equipos na Serie Ouro de trail en Cuntis

LugoXa
O club lucense destaca cunha vitoria colectiva e varias medallas individuais nunha proba clave do ranking galego, onde brillou especialmente María Frey
Serie-Ouro-da-Federación-Galega-de-Atletismo-CD-Biosbardo-Lugo
13 May 2026

Esta fin de semana o máximo nivel do trailrunning galego reuniuse en Cuntis, nunha proba da “Serie Ouro” da Federación Galega de Atletismo na que se puxeron en xogo importantes bonificacións para o ranking autonómico, tanto a nivel individual como por clubs, cunha puntuación multiplicada por cinco.

O CD Biosbardo de Lugo acadou o triunfo na clasificación por equipos, nunha competición na que contaban os dous mellores tempos masculinos e femininos de cada conxunto. O excelente rendemento colectivo, xunto cos postos destacados das súas corredoras e corredores, permitiu ao club situarse no máis alto do podio.

No plano individual, a gran protagonista foi María Frey, que se proclamou campioa absoluta cunha actuación incontestable. A deportista biosbarda decidiu competir de ti a ti cos homes e rozou as dúas horas de carreira nun percorrido de 21 quilómetros e 1.200 metros de desnivel positivo, parando o cronómetro en 2 horas e 5 minutos. Frey sacoulle case 14 minutos á segunda clasificada, consolidando unha vitoria de gran autoridade.

Na loita pola segunda posición destacou Carla Trillo, que realizaba unha carreira moi sólida ata sufrir unha caída no quilómetro 12. A pesar do contratempo, conseguiu continuar ata meta e finalizar en 2 horas e 22 minutos, sumando puntos importantes para o equipo e acadando o sétimo posto absoluto e o bronce na súa categoría.

Completou o bloque feminino Charo Figueroa, que logrou a prata na categoría máster e contribuíu de maneira decisiva á puntuación colectiva do club.

No apartado masculino, o equipo estivo liderado por Iván Sangiao, que regresaba á competición cun excelente resultado, entrando sétimo absoluto e logrando a prata na súa categoría. Pola súa banda, Emilio Montilla foi duodécimo na xeral e venceu na súa categoría máster. O equipo viuse afectado pola baixa de última hora de Sergio García, o corredor máis rápido do grupo, aínda que o resto de integrantes asumiron o reto para manter o nivel competitivo.

Durante a proba tamén se disputaron tramos cronometrados con premios especiais, nos que María Frey conseguiu un dos mellores rexistros femininos, mentres que Iván Sangiao quedou segundo en dous dos tramos por apenas un segundo.

Con estes resultados, o equipo feminino do CD Biosbardo afianza o liderado no ranking galego, mentres que o masculino ascende ata a segunda posición. A nivel individual, María Frey continúa escalando postos co obxectivo de formar parte da próxima Selección Galega, nun club que conta actualmente con cinco atletas no Top 10 autonómico: Tamara García, Carla Trillo, María Frey, Charo Figueroa e Fanny Abelenda.

Ademais, Tamara García tamén se impuxo con autoridade na Carreira Popular de Chantada, disputada o sábado 9 sobre un percorrido sinuoso de 9 quilómetros.

0.12558507919312