O CD Biosbardo proclámase campión galego feminino de trail por clubs e logra o bronce na masculina

GaliciaXa | LugoXa
O club desprazou un total de 20 atletas coa intención de revalidar os dous títulos conquistados a pasada tempada
equipo-biosbardo
16 Jun 2026

O CD Biosbardo asinou unha destacada actuación no Campionato Xunta de Galicia de Trail Running por Clubs, disputado este domingo na localidade ourensá de Esgos no marco da XVIII edición da súa carreira. A entidade logrou o título de campioa galega absoluta na categoría feminina e a medalla de bronce na competición masculina.

O club desprazou un total de 20 atletas coa intención de revalidar os dous títulos conquistados a pasada tempada. A proba estivo marcada polas altas temperaturas, con case 30 graos de media durante o percorrido, de preto de 17 quilómetros e 600 metros de desnivel positivo, ademais de contar cun récord de participación de equipos no campionato autonómico.

Na categoría masculina, o conxunto lucense conseguiu a terceira posición galega pese ás dificultades provocadas polas gripes sufridas por varios corredores nas últimas semanas. Iván Sangiao e Sergio García lideraron a actuación do equipo ao cruzar a meta nos postos 11 e 12 da clasificación xeral, respectivamente. Emilio Montilla foi 18º, Jonathan Pérez 20º, mentres que Guille Grandal finalizou na posición 48. Completaron a participación do club Óscar Novo, Fran Sobrado, Eneko Hurtado, Juan Carlos Domínguez e Alberto Campos.

O maior éxito da xornada chegou da man do equipo feminino, que dominou a competición desde os primeiros quilómetros e confirmou o seu papel de favorito. María Frey impúxose na clasificación absoluta tras unha actuación incontestable, mentres que Charo Figueroa acadou a terceira posición e Carla Trillo foi cuarta. O resto das integrantes do equipo tamén contribuíron ao triunfo colectivo cunha destacada actuación: Fanny Abelenda terminou décimo terceira, Kenia Estrada décimo cuarta, Enara Fernández vixésimo primeira, Katia Senín cuadráxésimo primeira e Verónica Neira cuadráxésimo cuarta.

As corredoras dedicaron a vitoria a Tere Dieste, compañeira do equipo que, malia atoparse recuperándose dun proceso gripal, acompañou á expedición en Esgos para apoiar ás súas compañeiras durante a competición.

Con estes resultados, o CD Biosbardo pecha o primeiro semestre de competición oficial en Galicia con varios dos seus deportistas situados entre os mellores do ranking autonómico e con medallistas nacionais nas distintas modalidades de trail. As próximas grandes citas para o club serán o Campionato de Galicia de 10 quilómetros en ruta, previsto para o 25 de xullo en Vilagarcía de Arousa, e o Campionato de Galicia de Carreiras de Montaña, que se disputará o 29 de agosto en Folgoso do Courel.

0.12166881561279