O CD Lugo achegará os seus xogadores á afección cunha sinatura de camisetas na praza de San Marcos

Os xogadores do Club Deportivo Lugo estarán este martes, 10 de novembro, no Pazo de San Marcos para compartir unha tarde coa afección albivermella. A partir das 17:00 horas, os seguidores e seguidoras poderán achegarse ata este espazo para coñecer os futbolistas, conseguir camisetas asinadas e levar un recordo da xornada.
O encontro coincidirá coa presentación do contrato de patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co CD Lugo para a tempada 2026/2027. O acordo manterá a presenza da imaxe institucional nas equipacións e implicará a participación de xogadores, persoal técnico e outros recursos do club en actividades de promoción do deporte e dos hábitos saudables en centros educativos e clubs de base, así como en iniciativas relacionadas coa promoción da lingua e o uso seguro das redes sociais. Tamén apoiará a participación do equipo na Liga Genuine.
Entre as iniciativas desenvolvidas a pasada tempada ao abeiro deste convenio destacaron as experiencias 'Tunnel and Pitch', que permitiron a nenos e nenas de escolas deportivas municipais e clubs da provincia vivir a pé de campo o inicio dos partidos no Anxo Carro, así como o impulso do fútbol a pé.
A xornada chega, ademais, despois da vitoria por 0-1 fronte ao Cacereño o pasado venres, un resultado co que o equipo puxo fin á súa serie de partidos sen gañar como visitante.