O CD Lugo e a SG Comercial asinan un acordo de filialidade para impulsar o fútbol feminino

O Club Deportivo Lugo e a SG Comercial Estudiantes alcanzaron un acordo de filialidade co obxectivo de asentar as bases dun proxecto sólido e sostible no tempo para o fútbol feminino.
O convenio, que terá vixencia durante a tempada 2025/2026, establece que o equipo participe en Terceira División Galega baixo a denominación SG Comercial-CD Lugo Femenino, disputando todos os encontros coas equipacións do CD Lugo.
Con este paso, o CD Lugo aposta por unha reestruturación do seu fútbol feminino, integrándoo na estrutura do club cun modelo de desenvolvemento sustentado nunha xestión profesional e deportiva. O compromiso da entidade céntrase en garantir os recursos, a estabilidade e a seriedade precisas para que o proxecto medre de forma ordenada e duradeira.
O equipo SG Comercial-CD Lugo Femenino atópase agora en pleno proceso de configuración do seu cadro de xogadoras para a vindeira tempada. As interesadas en formar parte do proxecto poden poñerse en contacto a través do teléfono 696 495 928.
O director xeral, Adrián Raguza, subliñou a relevancia deste acordo: “Cremos firmemente no desenvolvemento do fútbol feminino, pero entendemos que para crecer de verdade debemos facelo cunha base sólida e ben estruturada. Este convenio permítenos avanzar con responsabilidade, apoiándonos nun club como a SG Comercial, e dar os primeiros pasos cara a un proxecto sostible que represente os valores do CD Lugo”.
Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro explicou que “para a Vicepresidencia da Deputación de Lugo é fundamental que o CD Lugo manteña o fútbol feminino no seu proxecto deportivo. Este acordo coa Comercial é un primeiro paso que a directiva do CD Lugo se comprometeu a reforzar nas vindeiras temporadas”.
O vicepresidente destacou que “administracións e clubs temos a responsabilidade de ofrecer un estrutura deportiva que permita o desenvolvemento do fútbol feminino na nosa provincia e que siga creando referentes para as rapazas e nenas que practican este deporte".