O CD Lugo Genuine inicia a tempada con dúas vitorias na fase inaugural da LALIGA GENUINE

O CD Lugo Genuine comeza unha nova tempada da LALIGA GENUINE Moeve coa participación na fase inaugural da competición, celebrada esta fin de semana en Tarragona. O equipo inclusivo comparte os primeiros encontros do curso cos outros 49 conxuntos participantes nunha cita marcada polos reencontros, a convivencia e os valores do fútbol inclusivo.
A novena edición arranca o venres cunha cerimonia inaugural no Nou Estadi Costa Daurada, na que desfilan os 50 equipos. Durante o sábado e o domingo, as instalacións do Mediterranean Sports Hub acollen os primeiros 75 partidos da tempada, nun ambiente de respecto, ilusión e compañeirismo.
No apartado deportivo, o conxunto albivermello disputa tres encontros e consegue dúas vitorias. O sábado pola mañá supera o CD Eldense por 2-0, mentres que pola tarde cae por 2-1 ante a Fundación Albacete. Xa o domingo, pecha a súa participación cun triunfo por 2-1 fronte ao FC Andorra.
Tras esta primeira fase, o CD Lugo Genuine ocupa a cuarta posición do grupo Compañerismo. Porén, os resultados quedan nun segundo plano nunha competición que ten como lema "Compartir antes que competir" e na que cobran especial importancia os reencontros, as experiencias compartidas e a convivencia entre os equipos.
A seguinte cita para o conxunto lucense será en Pamplona, do 5 ao 7 de marzo de 2027, cando se celebrará unha nova fase da competición.