O CD Lugo Genuine participou na terceira fase de LALIGA GENUINE Moeve en Burgos

LugoXa
O equipo inclusivo albivermello pecha unha nova xornada marcada pola convivencia e os valores do fútbol
Cd-Lugo-Genuine-Burgos-26
1 Jun 2026

O Club Deportivo Lugo Genuine participou esta fin de semana na terceira fase de LALIGA GENUINE Moeve, celebrada en Burgos, onde o equipo inclusivo albivermello volveu vivir unha experiencia marcada pola convivencia, o compañeirismo e os valores que definen esta competición.

A expedición albivermella viaxou o pasado venres ata a cidade burgalesa para formar parte dunha nova festa do fútbol Genuine, compartindo xornadas de ilusión, respecto e aprendizaxe xunto aos compañeiros e compañeiras dos distintos equipos participantes.

Durante esta terceira fase, o CD Lugo Genuine disputou dous encontros. O sábado enfrontouse á SD Eibar, nun partido que rematou con vitoria do conxunto vasco por 2-1. O domingo, o equipo lucense compartiu terreo de xogo co RC Deportivo, nun encontro especial co conxunto coruñés que finalizou con triunfo deportivista por 0-3.

Máis alá dos resultados, o verdadeiro valor de LALIGA GENUINE Moeve estivo, unha vez máis, en todo o vivido dentro e fóra do terreo de xogo: os momentos compartidos, os reencontros, os sorrisos e o ambiente de respecto que acompaña cada fase desta liga única.

Tras a cita de Burgos, o CD Lugo Genuine afrontará a última parada da tempada, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de xuño na Cidade do Fútbol de Las Rozas, en Madrid, onde o equipo albivermello poñerá o peche a unha campaña chea de experiencias, emocións e fútbol inclusivo.

0.11890006065369