O CD Lugo incorpora aos defensas Hugo Pascual e Rufo para reforzar a plantilla da tempada 2026/27

LugoXa
O central catalán asina por dúas campañas, mentres que o lateral arxentino chega por unha tempada tras competir en Primeira Federación
Hugo-e-Rufo-CD-Lugo
22 Jul 2026

O Club Deportivo Lugo continúa perfilando o seu cadro de xogadores para a tempada 2026/27 coa incorporación de dous novos reforzos para a liña defensiva. Trátase do central Hugo Pascual, que asina por dúas tempadas, e do lateral dereito arxentino Rufino Lucero "Rufo", que defenderá a camiseta albivermella durante a próxima campaña.

Hugo Pascual (Barcelona, 2005) chega ao Anxo Carro procedente do Burgos CF, entidade na que militou durante as dúas últimas tempadas entre o filial e o primeiro equipo, co que chegou a debutar. Formado nas canteiras do CE Sabadell e do RCD Espanyol, disputou o pasado curso 33 partidos co filial burgalés en Segunda Federación, nos que anotou tres goles. O club destaca o seu perfil como central zurdo, novo e con proxección, chamado a reforzar o eixo da defensa lucense.

Pola súa banda, Rufino Lucero, coñecido futbolisticamente como Rufo, naceu en Río Cuarto (Arxentina) en 2002 e chega ao Lugo para ocupar o lateral dereito. Formado na canteira de San Lorenzo, tamén pasou polo CA Aldosivi e o CS Independiente Rivadavia antes de iniciar a súa etapa no fútbol español.

Nas dúas últimas campañas competiu en Primeira Federación co Zamora CF e o Osasuna Promesas, acumulando un total de 64 encontros, nos que marcou cinco goles e repartiu catro asistencias. O club sinala que o futbolista destaca pola súa capacidade para incorporarse ao ataque, o seu percorrido pola banda e a súa presenza ofensiva.

Ambos os dous xogadores incorpóranse de maneira inmediata á dinámica de adestramentos do primeiro equipo.

0.13040399551392