O CD Lugo leva os seus campus de verán a Ribadeo e Escairón por primeira vez

O Club Deportivo Lugo organiza unha nova edición dos seus Campus de Verán CDLUCAMP, unha proposta lúdico-deportiva pensada para que nenas e nenos nados entre 2010 e 2020 poidan gozar do fútbol ao tempo que desenvolven hábitos saudables, habilidades sociais e valores como o traballo en equipo ou a constancia.
A edición 2025 chegará por primeira vez aos municipios de Ribadeo e Escairón, onde se celebrará entre o 30 de xuño e o 4 de xullo, en horario de 9.30 a 14.00 horas. En concreto, as sesións desenvolveranse no Campo de O Outeiro A Devesa en Ribadeo e no Campo Municipal de O Saviñao, en Escairón.
A través destes campus, o CD Lugo busca transmitir os valores do club a través da práctica do fútbol, empregando o chamado Método Lugo, que garante un seguimento próximo e personalizado do alumnado por parte do cadro técnico. As sesións combinarán aprendizaxe técnica, táctica e condicional nun ambiente lúdico e con grupos reducidos. Cada participante recibirá ademais unha equipación oficial do CDLUCAMP.
A actividade está aberta a todos os niveis, tanto para crianzas que comezan no fútbol como para aquelas que xa o practican de maneira habitual. Ademais, os técnicos da canteira do CD Lugo seguirán de preto as sesións, permitindo detectar novo talento para o club.
As inscricións poden formalizarse ata o 27 de xuño a través do procedemento habilitado en liña para cada sede.