O CD Lugo reforza o seu ataque coa incorporación de Álex Gallar

LugoXa
O futbolista catalán chega libre e asina contrato ata o remate da próxima temporada para achegar experiencia e calidade ao conxunto albivermello
BENVIDO-Alex-Gallar-CD-Lugo
14 Jan 2026

O Club Deportivo Lugo e o futbolista Álex Gallar chegaron a un acordo para a súa incorporación ao primeiro equipo de cara á presente temporada. O xogador, nado en Sabadell en 1992, súmase así ao cadro albivermello como un reforzo destinado a ter impacto inmediato no rendemento ofensivo do equipo.

Gallar é un atacante versátil, con capacidade para actuar tanto polas bandas como na mediapunta, e conta cunha ampla e consolidada traxectoria no fútbol estatal. Ao longo da súa carreira disputou máis de 400 partidos oficiais, nos que asinou 75 goles e repartiu 48 asistencias, uns rexistros que avalan a súa regularidade e a súa influencia no xogo de ataque dos equipos polos que pasou.

O novo xogador do CD Lugo acumula experiencia ao máis alto nivel, con presenza en LALIGA tanto en Primeira como en Segunda División. Durante a súa etapa profesional defendeu as cores de entidades como o Girona FC, a SD Huesca, o Málaga CF, o FC Cartagena ou a Cultural Leonesa. Nas últimas tempadas militou na UD Ibiza, onde tivo un papel destacado ao participar en 82 encontros oficiais, nos que contribuíu con 16 goles e 19 asistencias.

A chegada de Álex Gallar supón un salto de calidade para a parcela ofensiva do conxunto lucense, achegando talento, visión de xogo e unha contrastada experiencia nunha categoría tan esixente como a Primeira Federación. O futbolista chega libre e comprométese co CD Lugo polo que resta de temporada e unha máis, incorporándose de maneira inmediata á dinámica de adestramentos do primeiro equipo.

⚙ Configurar cookies
0.091100931167603