O CD Lugo reforza o seu proxecto deportivo coa incorporación de Yago Rodríguez ata 2028

O Club Deportivo Lugo pechou un acordo co Real Valladolid para o traspaso do futbolista galego Yago Rodríguez, que pasará a vestir a camisola albivermella ata o ano 2028. O xogador incorpórase ao primeiro equipo como unha aposta de futuro dentro do proxecto deportivo da entidade, coa vista posta no seu crecemento e consolidación a medio prazo.
Yago Rodríguez, nacido en Vigo no ano 2005, actúa como lateral dereito e conta cunha ampla formación en canteiras de referencia. Deu os seus primeiros pasos no RC Celta antes de continuar a súa progresión no Real Valladolid, completando o seu desenvolvemento competitivo con etapas no Coruxo FC e no Salamanca CF UDS. Trátase dun futbolista novo, con proxección e marxe de mellora, que chega ao Lugo para seguir evolucionando dentro da estrutura do club.
O defensa integrarase de maneira inmediata na dinámica de adestramentos do primeiro equipo, poñéndose xa ás ordes do corpo técnico para iniciar esta nova etapa como xogador albivermello.