O CD Lugo reforza o vínculo coa comunidade escolar cunha nova visita ao CEIP Anexa

O Club Deportivo Lugo continúa esta semana co seu programa de visitas aos centros educativos da cidade, unha iniciativa pensada para fortalecer a relación entre a entidade e a comunidade escolar, ao tempo que busca achegar o sentimento albivermello aos nenos e nenas de Lugo. Nesta ocasión, foron os futbolistas do primeiro equipo Diego Caballo e Pablo Trigueros quen se achegaron ao CEIP Anexa para compartir a mañá cos máis pequenos do colexio.
Durante a xornada, ambos xogadores conversaron co alumnado, responderon ás súas preguntas e animaron os rapaces e rapazas a acudir de maneira completamente gratuíta ao partido deste domingo fronte ao CD Tenerife, que se disputará ás 20:30 horas no estadio Anxo Carro.
O club avanzou que este programa de encontros coa comunidade educativa seguirá activo nas próximas datas e retomará a súa actividade dentro de dúas semanas, coincidindo coa semana na que o CD Lugo despedirá o ano diante da súa afección no Anxo Carro. Será nun derbi galego ante o Ourense CF, previsto para o sábado 20 de decembro ás 16:15 horas.