O CD Lugo únese á loita contra o cancro no seu encontro contra ao Osasuna Promesas

O Club Deportivo Lugo reafirma o seu compromiso coa sociedade e a loita contra o cancro ao sumarse á iniciativa promovida pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) con motivo do Día Mundial Contra o Cancro, que se conmemora o vindeiro 4 de febreiro.
No encontro fronte ao Osasuna Promesas, no Anxo Carro ás 16.30 horas, os xogadores de ambos equipos lucirán os ‘Brazaletes da Esperanza’, un símbolo de apoio e unión na loita contra esta enfermidade.
Ademais, nos momentos previos ao inicio do partido, todos os xogadores posarán xuntos baixo un lema especial, reforzando a mensaxe de concienciación e solidariedade cos afectados e as súas familias.
"Dende o CD Lugo, queremos manifestar o noso firme apoio a todas aquelas persoas que enfrontan esta enfermidade e destacar a importancia da investigación e da prevención. Convidamos á nosa afección a unirse a esta causa e a compartir esta mensaxe de esperanza, co obxectivo de mellorar a supervivencia e a calidade de vida das persoas que conviven con esta enfermidade", explican.