O Ceao e As Gándaras volverán sentar á súa comunidade empresarial á mesa o 20 de novembro

A Asociación de Empresarios dos Polígonos do Ceao e As Gándaras (AEPOCAG) celebrará o próximo venres 20 de novembro unha nova edición da Xuntanza, un encontro dirixido a empresarios, empresarias e responsables de compañías dos dous polígonos industriais de Lugo. A cita terá lugar ás 13:00 horas na Cafetería Restaurante Yaldara, situada na rúa A do polígono das Gándaras.
A iniciativa, que xa se desenvolveu en edicións anteriores, busca favorecer o coñecemento mutuo entre as empresas que comparten estes espazos de actividade económica, así como facilitar o intercambio de experiencias, a creación de contactos e a identificación de posibles oportunidades de colaboración. A xornada desenvolverase arredor dunha comida nun ambiente distendido.
A convocatoria está aberta tanto ás empresas asociadas como ás que non forman parte da entidade, co propósito de implicar o conxunto do tecido empresarial dos dous polígonos e consolidar a Xuntanza como unha cita anual. O encontro enmárcase no traballo de AEPOCAG para impulsar a cooperación empresarial e abordar intereses comúns, como a mellora das infraestruturas ou a interlocución coas administracións públicas.
O prezo da participación é de 50 euros por persoa e inclúe entrantes, prato principal, sobremesa e bebida. As prazas son limitadas e as persoas interesadas deberán formalizar a inscrición mediante transferencia bancaria e enviar posteriormente o xustificante a comunicacion@ceaogandaras.org, seguindo as indicacións do cartel oficial. Para obter máis información, a asociación habilitou o teléfono 604 068 842.
A Xuntanza 2026 conta coa colaboración do Concello de Lugo. AEPOCAG é unha entidade sen ánimo de lucro fundada en 1978 para representar e defender os intereses das empresas dos polígonos do Ceao e As Gándaras. Desde a renovación da súa xunta directiva en decembro de 2023, a asociación iniciou unha nova etapa centrada na modernización, no fortalecemento das relacións empresariais e na mellora da comunicación coas institucións.