O Cebreiro acollerá a quinta edición do Encontro Internacional de Cestería no Camiño nas Pallozas

LugoXa
A programación incluirá mostra de artesanía, música en directo, obradoiros e unha mesa redonda centrada na transmisión do oficio
cartel-cesteria-Pedrafita
4 Jul 2026

O conxunto etnográfico das Pallozas do Cebreiro converterase os días 11 e 12 de xullo no escenario da quinta edición do Encontro Internacional de Cestería no Camiño, unha iniciativa que volverá reunir profesionais e persoas vinculadas á artesanía tradicional arredor do traballo da cestería.

A programación comezará o sábado 11 de xullo cunha mostra de cestería que se desenvolverá entre as 11:30 e as 14:00 horas e entre as 16:00 e as 20:00 horas. O encontro contará coa participación de diferentes artesáns e artesás como Julia De la Cal, de La Parabólica; Alba Castro; Manuel Gonzaga; Álvaro Pin, coñecido como O Florencio de Barreiros; Esther Rodríguez; Joaquín Orriols, Kim; Luís do Río; Luisa Da Silva; María Folgueira; así como O cesteiro de Rexosende e Vanesa Saraiva.

A xornada incluirá ademais un obradoiro dedicado aos xoguetes naturais e xoguetes de verán, impartido por Manolo García a través do Recuncho das Argalladas, unha actividade orientada á recuperación de xogos e elementos tradicionais elaborados con materiais naturais.

A música tamén terá presenza dentro da programación co concerto previsto ás 12:30 horas da artista MJ Pérez.

Xa durante a xornada do domingo 12 de xullo, entre as 11:00 e as 13:30 horas, celebrarase a mesa redonda titulada “Aprendendo o oficio”, un espazo de intercambio de experiencias e reflexión arredor da aprendizaxe e transmisión do coñecemento artesanal.

Nesta actividade participarán Berta Bugallo, vinculada á Escola de Folklore de Guadalaxara e cunha traxectoria de 42 anos relacionada coa cultura popular; Lola Tourón, de As Espigadoras; e María Martín, de Sensorial.

0.13851308822632