O CEI Nodus acada o 100 % de ocupación mentres Lugo estuda ampliar o apoio aos proxectos emprendedores

O CEI Nodus ten actualmente ocupada a totalidade dos seus espazos físicos, nun momento no que o viveiro municipal de empresas segue incorporando novos proxectos e recibindo propostas de persoas emprendedoras que buscan desenvolver a súa actividade en Lugo. A situación foi abordada durante un encontro entre a alcaldesa, Elena Candia, a concelleira de Dinamización Económica, Cristina Sanz, e as empresas e persoas emprendedoras instaladas no centro.
O espazo conta neste momento cos 16 despachos de oficinas, cinco talleres industriais e dous laboratorios técnicos totalmente asignados, aos que se suman tres proxectos activos no semilleiro. Na última convocatoria, correspondente aos meses de maio e xuño, incorporáronse cinco novas iniciativas relacionadas coa intelixencia artificial, a creación audiovisual, a repostería artesanal, a psicoloxía familiar e os servizos técnico-administrativos.
A elevada demanda leva tamén ao Concello a estudar novas fórmulas para facilitar a continuidade dos proxectos que precisan de máis tempo para consolidarse. Neste sentido, Elena Candia avanzou que se analizará a posibilidade de ampliar o período máximo de permanencia no CEI Nodus, actualmente fixado en tres anos.
Os emprendedores presentan os seus proxectos
A xornada permitiu que as propias empresas instaladas no centro explicasen o seu traballo e compartisen as súas necesidades. Cada emprendedor dispuxo dun minuto para presentar o seu proxecto ao resto dos participantes, nunha dinámica pensada para favorecer tamén o coñecemento e o contacto entre as distintas iniciativas que conviven no viveiro.
Durante o encontro, a alcaldesa destacou precisamente o papel das persoas que están detrás de cada negocio e comprometeuse a reforzar a promoción e visibilidade dos proxectos desenvolvidos desde o CEI Nodus.
"Detrás dos proxectos hai persoas", sinalou Candia, que puxo en valor o talento e as ideas das persoas que deciden emprender na cidade. "Lugo ten talento, ten persoas con ideas e ten emprendedores que están apostando pola nosa cidade", afirmou.
O encontro serviu ademais para que as empresas puidesen trasladar directamente á alcaldesa e á concelleira as súas propostas, suxestións e necesidades, achegas que o Concello prevé incorporar ao novo plan de dinamización económica.
A Tinería, seguinte espazo para impulsar o emprendemento
O Goberno local tamén pretende trasladar o modelo do CEI Nodus a outros puntos da cidade, con especial atención á Tinería. O Concello prepara a licitación de dous locais comerciais situados neste ámbito que permanecen actualmente baleiros e que se incorporarán aos cinco que xa están ocupados.
Deste xeito, a Tinería contará con sete locais comerciais destinados ao alugueiro a prezos económicos, con tarifas que van dos 18 aos 72 euros, co obxectivo de facilitar a instalación de novas actividades e aproveitar o potencial comercial e económico desta zona.
A alcaldesa sinalou a intención de continuar xerando espazos e oportunidades para que novas iniciativas poidan poñerse en marcha ou consolidarse na cidade, ao tempo que se reforza o acompañamento aos proxectos emprendedores.