O CEIP de Castroverde organiza unha xornada de portas abertas para dar a coñecer a súa oferta educativa

LugoXa
Durante o evento, as familias interesadas poderán coñecer de primeira man as características deste centro
CEIP-colexio-Castroverde
15 Feb 2025

O CEIP de Castroverde celebrará o vindeiro martes, 18 de febreiro, a partir das 10.30 horas, unha xornada de portas abertas para dar a coñecer a súa oferta educativa e as súas instalacións.

Durante o evento, as familias interesadas poderán coñecer de primeira man as características deste centro, que ofrece Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria.

Ademais do seu programa educativo, o CEIP de Castroverde conta con diversos servizos para facilitar a conciliación familiar, como o programa de Madrugadores e Tardes no cole.

Tamén dispón dun servizo de comedor con cociña propia, o que garante almorzos saudables para os estudantes. Así mesmo, os alumnos teñen a posibilidade de participar en actividades extraescolares e contan con transporte escolar ata o centro.

O colexio destaca pola súa aposta pola innovación e o plurilingüismo. Grazas á colaboración da ANPA e do Concello, dispón de auxiliares técnicos educativos, unha escola de nais e pais e un auxiliar de conversa para reforzar a aprendizaxe de idiomas.

Entre os proxectos educativos nos que participa o centro, sobresae o programa de Plurilingüismo, os Plans Proxecta, os programas INNOVA-LAB e PIE, así como diversas iniciativas de formación do profesorado. Tamén forma parte do programa E-Dixgal, PROA+, e conta cun Club de Ciencia e un Club de Lectura.

As instalacións do CEIP de Castroverde inclúen unha biblioteca e unha horta escolar, espazos que complementan a formación académica dos estudantes. Ademais, o centro promove metodoloxías de aprendizaxe innovadoras a través de tertulias dialóxicas, polos creativos e grupos interactivos.

Con esta xornada de portas abertas, o CEIP de Castroverde busca achegar o seu modelo educativo ás familias e amosar o seu compromiso cunha ensinanza de calidade, adaptada ás necesidades dos alumnos e as súas familias.

0.17743420600891