O CEIP Plurilingüe Palas de Rei celebra 50 anos de historia, aprendizaxe e compromiso coa comunidade

LugoXa
O centro conmemora o seu medio século de traxectoria o vindeiro 28 de novembro cunha xornada de actividades, música, gastronomía e encontro entre xeracións para poñer en valor o seu legado educativo
colexio instituto palas de rei
24 Oct 2026

O CEIP Plurilingüe Palas de Rei prepárase para celebrar unha data moi especial: o seu 50 aniversario. Baixo o lema 'A nosa escola: do ferrado ao abrente', o centro convida a toda a comunidade educativa e á veciñanza a participar nunha xornada conmemorativa que pretende homenaxear cinco décadas de historia, evolución e dedicación ao ensino.

Durante estes 50 anos, a escola foi moito máis ca un lugar de aprendizaxe. Converteuse nun espazo de convivencia, crecemento persoal e construción de vínculos, acompañando a varias xeracións de nenos e nenas de Palas de Rei e contribuíndo ao desenvolvemento educativo e social da contorna.

A celebración terá lugar o 28 de novembro de 2026 e comezará ás 12.30 horas coa inauguración dunha exposición conmemorativa. Ás 13.30 horas terá lugar a actuación da A.C. Palacio do Rei e, ás 14.30 horas, celebrarase un xantar de confraternidade da comunidade educativa, pensado como un momento para compartir recordos, reencontros e experiencias.

As entradas para o xantar estarán á venda no colexio ata o 20 de novembro. O prezo será de 26 euros para as persoas nacidas en 2019 e anos posteriores, e de 35 euros para as nacidas antes de 2019.

A festa continuará a partir das 18.00 horas cunha programación musical e festiva que incluirá a actuación da Orquestra Súper Top, Inchables e un obradoiro sostible, ampliando a celebración a diferentes públicos e idades.

Con esta celebración, o CEIP Plurilingüe Palas de Rei quere recoñecer o labor de todas as persoas que formaron parte da súa historia: alumnado, profesorado, familias, persoal do centro e veciñanza. Cinquenta anos despois, a escola mira ao futuro sen esquecer as súas raíces, reivindicando a educación como motor de transformación, cohesión social e esperanza para as novas xeracións.

0.15318202972412