O CEIP Virxe da Luz de Portomarín incorpora un profesor tras as protestas

LugoXa
O centro volve a agrupar os cursos de Primaria de dous en dous, despois de que estivesen organizados de tres en tres
Anpa-Portomarín
1 Out 2024

O CEIP Virxe da Luz de Portomarín volve a agrupar os cursos de Primaria de dous en dous, despois de que estivesen organizados de tres en tres, coa incorporación dun novo docente de apoio. Neste curso 2024/2025, a pesar de ter un incremento de matrícula, a Consellería de Educación quitoulle un profesor ao centro ao non cubrir a vacante da especialista de inglés; agrupándose o alumnado de Primaria de tres cursos: 1º, 2º e 3ª nunha clase; e 4º, 5º e 6º noutra.

Esta problemática provocou varias protestas por parte dos pais e nais que se concentraron para denunciar a situación. Sinalan desde a ANPA, que neste curso o CEIP ten un alumno máis na Primaria, polo tanto as condicións en canto ao alumnado non empeoraron senón que melloraron, polo que non pode xustificarse o recorte de profesorado.

E por outro lado, engaden, o recorte é consecuencia de non cubrir a vacante dun profesor que corresponde ao CEIP de Portomarín, ao igual que o especialista de Educación Física e Infantil, nos que os seus titulares non ocupan a súas respectivas prazas e si son cubertas por persoal interino. Dende o grupo de pais e nais están satisfeitos pola volta á normalidade, aínda que permanecerán alerta pois o que piden é que se cubra a praza dun profesor de inglés.

0.19024109840393