O cemiterio de San Froilán ampliará o horario e reforzará a limpeza polo Día de Todos os Santos

O cemiterio municipal de San Froilán, en Lugo, manterá as portas abertas durante dez horas seguidas cada día con motivo da celebración do Día de Todos os Santos, o vindeiro 1 de novembro. O horario especial estará vixente desde este domingo 25 de outubro ata o luns 2 de novembro, ambos os días incluídos, para facilitar as visitas das persoas que acudan ao camposanto para lembrar os seus seres queridos.
O Concello tamén puxo en marcha un plan extraordinario de limpeza e mantemento que se prolongará ata o remate deste período. As intervencións abranguen tanto o interior do recinto como os accesos e os espazos próximos, co propósito de mellorar as condicións destas zonas ante o incremento de visitantes.
Os traballos de desbroce da Carretera Vella de Santiago e dos arredores do cemiterio están programados entre o 20 e o 23 de outubro. Para iso, o dispositivo dispón de dous tractores con brazo desbrozador e os seus respectivos maquinistas, ademais de catro operarios con desbrozadoras manuais e sopladores.
A limpeza tamén se estende á entrada principal e á contorna máis próxima, onde dúas operarias se encargan de retirar os residuos co apoio de material específico e dun vehículo auxiliar eléctrico.
O operativo contempla igualmente a limpeza das zonas pavimentadas e dos corredores do camposanto mediante equipos de auga a presión. Os días 22 e 23 de outubro actuarase no corredor central e na entrada, concretamente na área onde se atopa a estrela.
As intervencións continuarán o 30 e o 31 de outubro cunha máquina hidrolimpadora que percorrerá os corredores das zonas antiga e nova do cemiterio. Ademais, o día 31 realizarase un baldeo con camión cisterna de rega e limpeza, coa participación dun condutor e un peón, para abranguer os distintos corredores e superficies pavimentadas.
O plan completarase co baleirado continuado das papeleiras durante o período especial, incluído o 2 de novembro. Dúas operarias encargaranse deste labor cun vehículo eléctrico e os medios necesarios, mentres que os residuos serán trasladados nun camión colector tipo Minimatic.
Con este dispositivo, o Concello pretende manter o cemiterio e os seus accesos en boas condicións durante unhas datas nas que aumenta a afluencia de persoas que se achegan a render homenaxe aos seus familiares falecidos.