O Centro de Convivencia de Lamas de Prado organiza unha excursión ao Pazo de Mariñán e Betanzos

O Concello de Lugo, a través do Centro de Convivencia de Lamas de Prado, promoverá o vindeiro 13 de agosto unha excursión cultural de xornada completa ao Pazo de Mariñán e á cidade de Betanzos. A iniciativa busca ofrecer unha proposta de lecer e convivencia entre a veciñanza mediante unha visita a dous dos espazos patrimoniais máis destacados da provincia da Coruña.
A saída realizarase desde a Praza de Bretaña e contará con prazas limitadas, polo que será necesario formalizar a inscrición previamente. O prazo para apuntarse permanecerá aberto os días 29, 30 e 31 de xullo, en horario de 9.00 a 13.00 horas, nas instalacións do propio Centro de Convivencia de Lamas de Prado.
A actividade ten un custo inferior aos cinco euros e inclúe unha visita guiada ao Pazo de Mariñán e aos seus xardíns, tempo libre para percorrer o centro histórico de Betanzos e un paseo polo Parque do Pasatempo antes do regreso a Lugo.
Desde o Concello animan á cidadanía a participar nas actividades organizadas polos diferentes Centros de Convivencia, co obxectivo de favorecer o encontro entre os veciños, promover a participación social e fomentar alternativas de lecer compartido.