O Centro de Formación Audiovisual da Deputación inicia o curso 2026-2027 con prazas aínda dispoñibles

LugoXa
O centro ofrece matrícula gratuíta e formación práctica nos ciclos superiores de Realización e Produción de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos
Inicio-curso-escolar-Centro-de-Formación-Audiovisual-Lugo
9 Sep 2026

O Centro de Formación Audiovisual da Deputación iniciou o curso 2026-2027 cunha xornada de presentación na que o equipo directivo e docente deu a benvida ao alumnado de primeiro e segundo dos ciclos superiores de Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos e de Produción de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos.

A xornada permitiu especialmente ao alumnado de primeiro coñecer as instalacións do centro e establecer un primeiro contacto cos seus compañeiros e profesores. Ademais, os estudantes recibiron información sobre a planificación do curso, os horarios e outras cuestións organizativas relacionadas co novo ano académico.

Desde a súa posta en marcha en 2003, preto dun milleiro de alumnos e alumnas pasaron polas aulas e instalacións do Centro de Formación Audiovisual da Deputación para formarse e dar os seus primeiros pasos profesionais nun sector en constante evolución.

A institución provincial mantén a súa aposta por un modelo de ensino público e de calidade, cunha matrícula gratuíta e unha formación próxima, individualizada e vinculada ás necesidades reais do sector audiovisual. O centro conta actualmente cun equipo de nove docentes.

Un dos principais elementos diferenciadores da formación é a súa orientación práctica. O alumnado ten a oportunidade de traballar con equipamento técnico e participar en situacións e proxectos reais a través da produtora propia do centro, o que lle permite coñecer de primeira man as dinámicas de traballo que posteriormente atopará no mercado laboral.

Antigos alumnos presentes nos Premios Mestre Mateo

A conexión coa realidade profesional tamén se pon de manifesto na traxectoria de antigos alumnos e alumnas. En cada edición dos Premios Mestre Mateo, considerados os principais galardóns do audiovisual galego, é habitual atopar entre as candidaturas e persoas premiadas profesionais que se formaron no Centro de Formación Audiovisual da Deputación.

Esta presenza evidencia a incorporación de numerosos estudantes ao tecido audiovisual de Galicia e o percorrido profesional acadado despois do seu paso polas aulas do centro.

A relación coa escola tampouco remata coa finalización dos estudos. O centro mantén o contacto cos seus antigos alumnos e alumnas e continúa exercendo como ponte co sector profesional, trasladándolles ofertas de emprego, oportunidades laborais e información de interese para favorecer tanto a súa incorporación ao mercado como a súa progresión profesional.

Unha alternativa de formación audiovisual na provincia

A creación do Centro de Formación Audiovisual en 2003 respondeu á necesidade de contar na provincia de Lugo cunha oferta pública de formación especializada nos ámbitos da imaxe e o son.

Desde entón, a iniciativa permitiu á mocidade lucense acceder a unha preparación profesional vinculada a un sector en crecemento sen necesidade de desprazarse fóra da provincia. O centro consolidou así un modelo formativo conectado coa realidade profesional do audiovisual galego.

As persoas interesadas aínda poden acceder a esta formación, xa que o prazo extraordinario de matrícula permanecerá aberto ata o mes de outubro para cubrir as vacantes dispoñibles nos dous ciclos superiores.

0.17215013504028