O Centro Dramático Galego trae o espectáculo 'Terceiro Acto' a Lugo

LugoXa
O espectáculo, con novos nomes no elenco, pasará polo Auditorio Gustavo Freire
Terceiro Acto
Terceiro Acto
23 Out 2024

A peza 'Terceiro act0', unha produción propia do Centro Dramático Galego, regresa aos escenarios como parte da recta final da actividade que a unidade teatral da Xunta conmemora o seu 40º aniversario. O espectáculo, con novos nomes no elenco, permanecerá en cartel na capital de Galicia ata o día 20, para iniciar despois unha xira por outros oito concellos galegos.

Entre as paradas, encóntrase a cidade de Lugo. Os amantes do teatro poderán desfrutar da produción no Auditorio Freire o día 24. A peza, con dirección e dramaturxia de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, conta agora coas interpretacións a cargo de Belén Constenla, Fernando  Morán, César Cambeiro, María Costas e César Goldi. Os tres últimos tómanlle a testemuña a Tatán R. Cunha, Mabel Rivera e Roberto Leal, integrantes do primeiro elenco reunido hai tres anos.

Consérvanse as realizacións artísticas orixinais como son a escenografía deseñada por Marta Pazos, o vestiario de Yaiza Pinillos, a coreografía de Amaya Galeote e a iluminación de Miguel Ruz, en tanto que Laura Míguez se incorpora como axudante de dirección. O Centro Dramático Galego daralle continuidade ao seu plan de mobilidade, que traerá durante este mes ao Salón Teatro público concertado procedente de 50 concellos galegos baixo a pregunta Sobes ao autobús do teatro?. Así, durante a primeira semana recibiranse xa autocares desde Outes, Negreira, Allariz, Amoeiro, Ribeira, Boiro, Mesía, Frades, Alfoz, Barreiros, Vilalba, Cervo, Xermade e Guitiriz.

A conversa como base

'Terceiro acto' ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida á vez que reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual. Sobre a escena, unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese de xeito clandestino pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Analizarán o seu legado e proxectaranse no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa vital.

O espectáculo convértese deste xeito nun lugar de encontro, coa conversa como base. Os actores e actrices fúndense nas personaxes para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante a través das experiencias dunha parte viva do teatro en Galicia, o que conecta tamén coa conmemoración da traxectoria de catro décadas de teatro público, desde a fundación do Centro Dramático Galego en 1984.

 

0.18865704536438