O Centro Educativo Galén celebra 25 anos cun ciclo de conferencias sobre educación

O Centro Educativo Galén conmemora o seu 25 aniversario cun ciclo de conferencias dirixido á comunidade educativa, unha iniciativa coa que pretende celebrar “25 anos educando persoas, construíndo futuro”. O programa reunirá en Lugo a tres referentes no ámbito da educación e do desenvolvemento humano: César Bona, Antonio Ríos e Xurxo Mariño.
As sesións desenvolveranse en distintas datas e espazos da cidade. O 27 de abril, César Bona abrirá o ciclo no Auditorio Gustavo Freire; o 7 de maio será a quenda de Antonio Ríos no auditorio da Delegación Provincial da Xunta de Galicia en Lugo; e o 29 de maio pechará o programa Xurxo Mariño no mesmo espazo.
A proposta nace coa intención de ofrecer diferentes perspectivas para comprender mellor a infancia e a adolescencia, incidindo na importancia de acompañar os procesos educativos desde o respecto, o coñecemento e a dimensión emocional. Deste xeito, o centro aposta por xerar un espazo de reflexión e aprendizaxe compartida máis alá das aulas.
As actividades serán de acceso libre e gratuíto, aínda que será necesario realizar reserva previa de praza, cuxas ligazóns serán facilitadas proximamente pola organización.
Con esta iniciativa, o Centro Educativo Galén reforza o seu compromiso coa innovación pedagóxica e coa implicación activa da comunidade no proceso educativo, coincidindo cunha data sinalada na súa traxectoria.