O centro social de Fingoi acolle este sábado a representación de “Cousas” de Os Quinquilláns

O Centro de Convivencia Fingoi será escenario este sábado, 18 de abril, ás 17.00 horas, dunha proposta cultural que combina arte, memoria e teatro arredor da figura de Castelao. A Asociación “Estudantado Cuarto Ciclo Campus de Lugo-USC” convida a cidadanía lucense a achegarse á exposición “Sempre en Galiza” e á posterior representación da obra “Cousas”, a cargo do grupo teatral Os Quinquilláns.
A actividade enmárcase no Ano Castelao 2025 e conta coa exposición impulsada pola Deputación Provincial de Lugo, comisariada por Henrique Monteagudo Romero e instalada no propio Centro de Convivencia Fingoi. Esta mostra afonda no pensamento e na obra do autor rianxeiro, mentres que a representación teatral ofrece unha adaptación de “Cousas” na que se recuperan temas centrais da súa creación literaria como a ecoloxía, a solidariedade, a emigración ou a xustiza social.
A montaxe incorpora un ton que transita entre a traxedia, a comedia e a farsa, mantendo o respecto pola lingua, a época e o ambiente de Rianxo. Un burro retranqueiro, entendido como transunto simbólico do propio Castelao, serve de fío condutor entre escenas inspiradas en relatos como “O pai de Migueliño”, “A Marquesiña”, “O escuro caletre de Martiño” ou “Aínda eu non nascera”.
A proposta inclúe tamén unha coidada dimensión musical, na que Orjais, responsable do Fondo Local de Música de Rianxo, achega un tema de Aida Saco e pezas vinculadas ao universo castelao, como o “Alalá do mozo”, interpretado na estrea en Bos Aires de “Os vellos non deben de namorarse”, ou unha muiñeira cantada polo propio Castelao a Jesús Bal y Gay e recollida no seu cancioneiro.
A adaptación do texto corre a cargo de Lucho Penabade e Tero Rodríguez, que tamén forman parte do elenco xunto a Lucho Penabade e Tero Rodríguez. A escenografía, atrezo e iluminación son obra de Pepe Penabade e Xosé Vizoso, mentres que o vestiario é de Olga Vieites. O espazo sonoro é responsabilidade de Orjais e a produción e dirección recaen en Lucho Penabade e Tero Rodríguez. A obra ten unha duración dunha hora e está dirixida a mocidade e persoas adultas.