O Chicken Run celebra en Lugo a súa décima edición cun cartel internacional de rock e motores

A estrada Vella de Santiago, en Lugo, converterase de novo nun epicentro do rock and roll e da cultura moteira coa celebración da décima edición do Chicken Run. A cita, que terá lugar os días 5 e 6 de xuño no entorno do Sin City Bar, consolídase tras unha década como unha das propostas máis singulares do calendario alternativo galego.
O encontro manterá a súa identidade: motores, música en directo e espírito festivo. Durante dúas xornadas consecutivas, o público poderá desfrutar de concertos ata a madrugada, exposicións de coches clásicos, motocicletas e bicicletas customizadas, así como dunha ampla zona de acampada pensada para facilitar a estancia de quen chegue doutras localidades. A oferta completarase con varios food trucks que achegarán propostas gastronómicas variadas ao longo da fin de semana.
A organización vén de pechar o cartel definitivo tras un cambio de última hora, configurando unha edición especialmente internacional. O venres 5 de xuño subirán ao escenario Los Coringas, chegados desde Zaragoza co seu persoal “Latin Rockin”, e The Bank Robbers, banda madrileña de rockabilly que destaca pola súa enerxía e posta en escena.
O sábado 6 será a quenda de The Bateleurs, formación portuguesa que mestura hard rock clásico e blues cunha potente voz e unha coidada execución musical. Desde Vigo chegarán tamén Zålomon Grass, cun son que transita polo blues máis cósmico e psicodélico. A incorporación máis recente ao programa é a da banda californiana Beaux Gris Gris and The Apocalypse, que achegará unha proposta intensa e difícil de encadrar, combinando blues, rock & roll e un directo vibrante.
Desde a organización destacan que esta décima edición supón un salto cualitativo, tanto pola diversidade das procedencias como pola aposta por estilos que van do rockabilly ao hard rock, pasando polo blues máis contemporáneo. O obxectivo é celebrar por todo o alto un aniversario que reafirma o Chicken Run como unha festa de referencia para afeccionados ás dúas rodas e á música en vivo.