O Chicken Run regresa a Lugo cunha edición especial de aniversario

LugoXa
A décima convocatoria do encontro motero celebrarase os días 5 e 6 de xuño na estrada Vella de Santiago
Chicken-Run-portada
11 Jan 2026

A estrada Vella de Santiago, en Lugo, volverá converterse nun punto de encontro para os amantes das motos e do rock and roll coa celebración dunha nova edición do Chicken Run, unha cita que en 2026 alcanza a súa décima edición e que se desenvolverá durante os días 5 e 6 de xuño no entorno do Sin City Bar, local xa consolidado como referente da cultura moteira e da música en directo.

O evento, que co paso dos anos se foi facendo un oco destacado no calendario alternativo galego, manterá a súa esencia cunha programación centrada nos motores, o rock e o ambiente festivo. Durante dúas xornadas consecutivas, o público poderá gozar de concertos en directo, que se prolongarán ata ben entrada a madrugada, así como de exposicións de coches clásicos, motocicletas e bicicletas customizadas.

A organización volverá habilitar unha ampla zona de acampada para facilitar a estancia das persoas chegadas doutras localidades, favorecendo así a convivencia e o espírito de irmandade que caracteriza o Chicken Run dende os seus inicios. Non faltará tampouco a vertente gastronómica, coa presenza de varios food trucks que achegarán propostas variadas ao longo de todo o encontro.

Aínda que por agora non se deron a coñecer os grupos que formarán parte do cartel musical, a expectación é elevada nunha edición que ten un marcado carácter conmemorativo. Desde a organización avanzan que se está a traballar nun programa á altura dun aniversario que reafirma ao Chicken Run como unha das citas máis singulares do panorama moteiro e musical de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.15018916130066