O CHL Meigas sénior feminino fai historia e proclámase campión de Liga

O equipo sénior feminino do CHL Meigas fixo historia ao proclamarse campión de Liga tras conquistar o playoff disputado no pavillón Daniel Cordido de Lugo.
Na semifinal, celebrada pola mañá, o CHL Meigas enfrontouse ao Brigantium de Arteixo, equipo que finalmente rematou na cuarta posición. As lucenses impuxéronse por 2-1 nun encontro que desde o propio club definiron como “complicado”, logrando así o pase á gran final.
No partido decisivo, o rival foi o Lóstregos. O conxunto lucense venceu por 2-0 nun duelo moi igualado e intenso, no que soubo manter a solidez defensiva e aproveitar as ocasións máis claras para anotar os dous tantos que lles deron o título ligueiro.
Ademais do éxito colectivo, varias xogadoras do CHL Meigas recibiron recoñecementos individuais ao remate da competición. Daniela foi distinguida cun dos premios entregados na xornada, mentres que Laura rematou como máxima puntuadora da liga e tamén como máxima goleadora do campionato.
Pola súa banda, Uxía foi recoñecida como a porteira co mellor porcentaxe de toda a liga, completando unha destacada presenza do club lucense tamén no apartado individual.
Con este triunfo, o CHL Meigas sénior feminino culmina unha tempada histórica e reafirma o crecemento do proxecto deportivo lucense.