O Cidade de Lugo organiza unha xornada gratuíta de iniciación ao piragüismo polo Miño

O Club Piragüismo Cidade de Lugo organizará o vindeiro martes 3 de novembro unha xornada gratuíta de iniciación ao piragüismo para descubrir o entorno das Terras do Miño. A proposta enmárcase na conmemoración do Día Internacional das Reservas da Biosfera da UNESCO e combinará deporte, divulgación ambiental e sensibilización sobre o coidado do río.
A actividade desenvolverase entre as 16:30 e as 18:30 horas, aproximadamente, con saída desde a Escola de Piragüismo de Lugo, situada no lugar de Saamasas. As persoas participantes poderán probar dúas modalidades: o barco dragón e os caiacs dobres.
Ademais da experiencia deportiva, a xornada incluirá un percorrido interpretativo polo Miño e unha limpeza simbólica posterior desde os caiacs dobres, co obxectivo de achegar aos participantes ao patrimonio natural da contorna e fomentar o respecto polo medio ambiente.
A iniciativa está aberta a persoas a partir dos sete anos, aínda que é imprescindible saber nadar. A organización lembra que o desenvolvemento da actividade estará condicionado polas condicións meteorolóxicas e polo estado do río.
Para participar é necesario realizar unha inscrición previa a través do formulario habilitado polo club. As prazas son limitadas, cun máximo de catro participantes por modalidade e reserva. A actividade conta co financiamento da Deputación de Lugo.