O cineasta Oliver Laxe prepara un proxecto de desenvolvemento cultural nos Ancares

LugoXa
Oliver Laxe está a levar a cabo un proxecto de desenvolvemento cultural nos Ancares que supón un importante impulso para a comarca.
directora agader oliver laxe navia suarna
11 sep 2021

O cineasta Oliver Laxe está a levar a cabo un proxecto de desenvolvemento cultural nos Ancares que supón un importante impulso para a comarca.

Esta proposta serve para dinamizar esta zona a través da cultura con propostas para todos os públicos e favorecer o seu desenvolvemento económico, social e cultural sempre de xeito respectuoso coas formas de vida tradicionais na zona. 

No que se refire ao proxecto, e cun convenio por importe de 85.000 euros coa Asociación Ser, impulsada polo cineasta galego, o Goberno autonómico colabora coa iniciativa para o que se acondicionou e rehabilitou un novo espazo situado na parroquia de Vilela –a súa antiga casa familiar- con espazos abertos ao público nos que se desenvolverán actividades de creación cultural que fomenten o intercambio coa poboación local. En concreto, organizaranse obradoiros, conferencias, proxeccións de cinema, actividades de desenvolvemento rural e encontros comunitarios de carácter social e cultural. 

A Asociación Ser quere contribuír a frear o despoboamento da comarca dos Ancares no seu conxunto a través de accións que favorezan o seu desenvolvemento económico, social e cultural, de xeito sustentable, inclusivo e respectuoso co medio natural e as formas de vida tradicionais, mellorando a calidade de vida da veciñanza. Busca fortalecer, ademais, a identidade cultural da comarca, potenciar unha cultura de autoestima e de superación de complexos revalorizando o noso.  

Ademais destas iniciativas, a Asociación Ser pretende tamén organizar na súa sede un cineclube gratuíto que amose un mínimo de catro filmes ao ano cunha programación espacial vencellada ao rural, proxeccións acompañadas de debates dinamizadas polo cineasta Oliver Laxe e por profesionais ou docentes do eido do cinema.

A Asociación Ser conta cunha páxina web, www.casaquindos.org, onde se pode consultar a programación para o que resta de ano.

oliver laxe a carqueixa ancares
0.16215586662292