O Circo Pinocho, íntegro en galego, estará en Lugo entre o 14 e o 23 de febreiro

LugoXa
O espectáculo celebrarase no aparcadoiro da Avenida dos Deportes e contará cun total de oito funcións
presentación-Circo-Pinocho-Lugo
11 Feb 2025

O Circo de Pinocho aterra en Lugo dentro da súa xira por Galicia cunha proposta completamente en galego, fomentando o uso da lingua entre a cidadanía.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou a importancia deste evento, sinalando que se trata dunha "actividade integramente en galego, promovendo a nosa lingua entre a veciñanza".

O espectáculo celebrarase no aparcadoiro da Avenida dos Deportes e contará cun total de oito funcións, que terán lugar entre o 14 e o 23 de febreiro.

Cunha duración de dúas horas e un intermedio de 15 minutos, a obra combina teatro musical cos números máis clásicos do circo. Ferreiro animou á cidadanía "a asistir a este circo e apostar pola cultura e o lecer en galego".

Unha historia máxica con esencia circense

O Circo de Pinocho é a nova produción de EducaTeatro Producións, unha compañía especializada en espectáculos infantís e familiares. A historia arrinca despois de que a Fada Madriña converta a Pinocho nun neno de verdade, permitíndolle cumprir o seu soño de montar o seu propio circo.

Nesta aventura, Geppetto convértese no pallaso, a Fada en trapecista e Pepiño Grilo en mestre de cerimonias. Porén, aínda faltan os demais artistas. Para solucionalo, Geppetto construirá bonecos que levarán a cabo números de corda frouxa, equilibristas, malabares e acrobacias, mentres que a Fada lles dará vida co seu feitizo.

Pero un xiro inesperado porá a proba aos protagonistas: o conxuro tamén transformará de novo a Pinocho nun boneco de madeira. Ao longo do espectáculo, Pinocho e Pepiño Grilo emprenderán unha emocionante busca da Fada para reverter a maxia, pero descubrirán que foi secuestrada pola malvada Chinche Chinchón, quen está a recrutar artistas para o seu circo rival.

0.15001106262207