O circuíto Corre con Nós estrea un novo percorrido totalmente peonil polo casco histórico de Lugo

O circuíto Corre con Nós celebra este sábado 18 a súa cuarta proba do calendario municipal estreando un novo percorrido totalmente peonil que discorre integramente polo interior do casco histórico, con saída e chegada na Praza da Mosqueira.
A organización tamén decidiu adiantar os horarios das probas co obxectivo de facer compatibles as actividades deportivas coas culturais previstas na cidade ao longo da xornada.
O novo trazado permitirá aos participantes percorrer numerosos espazos emblemáticos que se incorporan por primeira vez á proba, como a Ronda da Muralla, Praza Pío XII, Rúa Bo Xesús, Praza Santa María, Praza Maior, Praza Santo Domingo, Rúa Quiroga Ballesteros, Rúa Bolaño Rivadeneira, Praza Ferrol, Rúa San Marcos, Rúa Progreso, Rúa San Pedro, Praza Anxo Fernández Gómez, Praza Campo Castelo, Rúa Bispo Aguirre e Rúa dos Clérigos, nun itinerario que aposta polo valor patrimonial do centro histórico.
En canto ao desenvolvemento da xornada, a primeira saída será ás 17:00 horas na categoría mini, cun percorrido de 200 metros entre a Ronda da Muralla e a Mosqueira. Ás 17:10 horas será a quenda das categorías sub10 e sub12, cun circuíto de 750 metros. Ás 17:20 horas competirán as categorías sub14 e sub16, cun percorrido de 1.500 metros repartido en dúas voltas ao circuíto. Finalmente, ás 17:30 horas sairá a categoría de adultos, cun trazado de 5.000 metros distribuído en dúas voltas polo casco histórico.
A organización prevé a participación de 2.435 atletas inscritos no circuíto, cunha estimación duns 800 corredores en competición entre todas as categorías. Todos eles contarán con avituallamento final grazas á colaboración de Larsa e Coca-Cola.
O dispositivo contará con 28 puntos de control e estará atendido pola Policía Local, con seis unidades, ademais de 22 persoas entre voluntariado e persoal organizativo, encargadas de garantir o correcto desenvolvemento da proba e a convivencia entre peóns e deportistas.
A infraestrutura de saída e chegada comezará a instalarse na mañá do sábado e está previsto que a xornada conclúa arredor das 18:30 horas, momento no que se entregarán os premios das categorías inferiores. A organización recomenda ás persoas participantes acudir con antelación suficiente debido ao adianto dos horarios e ás posibles afectacións derivadas da coincidencia con outras actividades na cidade.