O circuíto de concertos Música en salas impulsa a música en vivo en Lugo
O circuíto de concertos Música en salas impulsa a música en vivo en Lugo durante as vindeiras semanas con 16 actuacións nos locais O Clavicémbalo Club e Sala Jager, que programan 16 recitais ao abeiro desta iniciativa.
O primeiro concerto de Música en salas na cidade da Muralla celébrase este xoves 11 no Clavicémbalo. Correrá a cargo de Aló Django Qt, a banda galega que ten a súa inspiración no jazz e na música xitana centroeuropea: o gypsy swing. Tamén actuarán outras formacións de base jazzística como Viruxe, que entra no terreo do rock ou o Alfonso Calvo Septeto, con chiscos á música brasileira e ao flamenco.
Este espazo clausurará a programación de Música en salas para toda Galicia. Será o 19 de decembro da man da Martin Aneiros Band: blues, soul e rock coa voz de Paula Martins e a guitarra de Víctor Aneiros.
Pola súa banda, o rock and roll soará na Sala Jager con concertos como os de Malditos Pendejos ou Los fabulosos Weekend, a formación liderada por Manuel Manquiña, coa que lle achegarán ao público versións do rock máis clásico. Tamén terán cabida neste escenario o punk de The Lazy Bones, con versións e temas propios ou a versátil Carolina Rubirosa, que aborda con comodidade distintos xéneros: con ela o pop/rock va da man da electrónica, pasando por ritmos bossanova ou maís intimistas.
O circuíto Música en Salas promove a recuperación da música en vivo en 19 locais das catro provincias galega nos que haberá ata 135 concertos na recta final do ano, nos meses de novembro e decembro. Está prevista a actuación de 115 artistas e bandas do panorama musical galego.
O calendario con todas as citas de Música en Salas pode consultarse nas axendas das webs de Cultura de Galicia e da Agadic.