O circuíto de Pastoriza acolleu unha xornada de copilotaxe con pilotos galegos e estatais

O circuíto de Pastoriza acolleu unha xornada de copilotaxe organizada pola escudería lucense Breogán Rally, na que afeccionados e afeccionadas ao automobilismo puideron probar o trazado xunto aos pilotos Adrián Díaz, de Lugo, Óscar Alvaredo, de Sarria, e ao coruñés Iván Ares, campión de España en 2017.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, achegouse ás instalacións para seguir esta xornada, que reforza o apoio da institución provincial ao automobilismo lucense, proxectando a imaxe dos pilotos e escuderías e ofrecendo ás afeccionadas e afeccionados a posibilidade de entrar en contacto directo coa competición.
Efrén Castro destacou que “a provincia de Lugo ocupa un lugar destacado no automobilismo estatal, pola capacidade dos pilotos e das escuderías, e tamén pola popularidade e apoio que recibe este deporte entre o público. Esta experiencia de copilotaxe facilita ese achegamento entre afección e pilotos, e segue proxectando Lugo como unha referencia neste deporte”.
Ademais desta experiencia de copilotaxe, a colaboración con Breogán Rally facilitará a participación da escudería lucense en rallys dos campionatos galego, español e europeo ao longo da temporada 2026.