O Club Cultural Valle-Inclán celebra 60 anos cun ciclo de reflexión sobre o pasado e o presente de Galicia

LugoXa
O programa “Agora non é antes” inclúe presentacións literarias, mesas redondas e conferencias ata finais de maio en Lugo
60-anos-asociación-cultural-Valle-Inclán
22 Mar 2026

O Club Cultural Valle-Inclán conmemora o seu sesenta aniversario coa organización do ciclo “Agora non é antes”, unha proposta que busca reflexionar sobre a evolución social e política de Galicia. A iniciativa arrinca o luns 23 de marzo coa presentación do libro homónimo do filósofo Antón Baamonde, que estará acompañado polo xornalista e profesor Manuel Gago. O acto contará coa presentación de Felipe Arias Vilas, vicepresidente da entidade, e celebrarase no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo ás 19:30 horas.

Antón Baamonde (Vilalba, 1959), pensador, ensaísta e articulista, propón na súa obra unha análise de Galicia desde unha perspectiva diferente á habitual. O autor defende a necesidade de afrontar o futuro a partir dun recoñecemento realista da identidade do país, afastándose de visións tópicas ou idealizadas do pasado. No libro, que leva por subtítulo “Ideas para una revolución tranquila”, aposta por combater os clixés, modificar a forma de imaxinarnos como sociedade, abandonar discursos pasivos e interpretar Galicia dun xeito máis verosímil.

O ciclo continuará o 23 de abril cunha mesa redonda centrada no pasado, baixo o título “Antes”, na que participarán políticos lucenses activos nas décadas de 1960 e 1970, como Carlos Dafonte Díe, Lois Diéguez Vázquez, Alfredo Sánchez Carro, Cándido Sánchez Castiñeira e Miguel Vázquez Calvo. A sesión será moderada polo profesor e articulista Santiago Fernández Rocha.

Xa o 7 de maio, a segunda mesa redonda abordará o presente, “Agora”, coa participación de Alicia Carballedo Portela, directora de Radio Lugo-SER; Olga Louzao Aldariz, licenciada en Ciencias Políticas e da Administración; Serxio María Rodríguez Álvarez, politólogo e historiador; e Fernando Suárez Barcia, graduado en Relacións Laborais e Recursos Humanos. O debate será conducido por Xosé Ramón Cando Vázquez.

O ciclo pecharase o 28 de maio cunha conferencia titulada “O estado do mundo hoxe e nós. ¿Está en perigo a democracia?”, impartida por Antón Losada e presentada pola presidenta do club, Tonina Gay. Todas as actividades terán lugar no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo ás 19:30 horas.

No marco desta conmemoración, tamén está en proceso de edición o libro “60 anos. Club Cultural Valle-Inclán”, de Antonio Prado Gómez. A entidade continuará, ademais, coa súa programación habitual, que inclúe ciclos de cine, sesións de Filmoteca, viaxes culturais e actividades relacionadas coas Letras Galegas.

0.13521003723145