O Club de Billar Adai adaptará os baños do seu local social para garantir a accesibilidade universal

O Club de Billar Adai inicia un proxecto para adaptar un aseo accesible no local social da antiga escola de Adai, instalacións que comparte coa asociación veciñal. A actuación pretende eliminar barreiras arquitectónicas e favorecer a igualdade e a inclusión tanto no ámbito social como no deportivo.
A iniciativa conta coa colaboración da área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo e co apoio do Concello do Corgo. O local está situado na Reserva da Biosfera Terras do Miño, nunha contorna rural na que o club busca promover espazos comunitarios máis accesibles para toda a veciñanza.
Unha vez rematadas as obras, o Club de Billar Adai organizará unha xornada inclusiva de portas abertas para achegar o deporte do billar ao público e fomentar a convivencia veciñal. A actividade tamén pretende visibilizar a importancia da accesibilidade universal e favorecer a participación activa de todas as persoas. A entidade anunciará proximamente a data do encontro.