O Club de Billar Adai arrinca a tempada con dous podios no Circuito Galego

O Club de Billar Adai comezou con forza a tempada 2026-2027 coa disputa da primeira proba do Circuito Galego Absoluto de Cadro B, celebrada na propia sede de Adai, e do primeiro encontro do Circuito Galego Júnior. A entidade lucense exerceu como sede organizadora da primeira cita absoluta de Cadro B da provincia de Lugo e abriu tamén o calendario autonómico júnior.
Na competición absoluta, o xogador do Club de Billar Adai e tesoureiro da entidade, Andrés Carballo, conseguiu alcanzar a final e rematou como subcampión. O podio completárono Heriberto Aybar, da Academia Poolroom, como campión, e Anxo Lois de Gabriel e Héctor Rubio, ambos da Academia Poolroom, como terceiros clasificados.
No Circuito Galego Júnior, Xoel Martín asinou tamén un excelente resultado ao conseguir a terceira posición. O xogador do Club de Billar Adai comeza así no podio a súa última tempada na categoría júnior. O título foi para Iavor Licea, do Club Billar Teo, mentres que Anxo Lois de Gabriel, da Academia Poolroom, foi segundo e Anxo López, do Club Billar Teo, compartiu a terceira posición con Martín.
Desde o Club de Billar Adai trasladaron os seus parabéns a todos os participantes polo seu inicio de tempada e desexáronlles sorte para o resto do percorrido.
A actividade continuará a próxima fin de semana coa primeira proba do Circuito Galego Absoluto de Cadro A e coa primeira cita do Circuito Galego Feminino.