O Club de Billar Adai celebrou a súa primeira xornada inclusiva de portas abertas no Corgo

O Club de Billar Adai celebrou a súa primeira Xornada Inclusiva de Portas Abertas nas instalacións situadas na parroquia de Santiago de Adai, no concello do Corgo. A actividade permitiu achegar este deporte á veciñanza e a integrantes de diferentes colectivos da contorna que traballan a prol da accesibilidade e da inclusión, como Auxilia e Down Lugo.
Durante o encontro, os socios do club introduciron os participantes na práctica do billar nunha experiencia aberta a todos os públicos, coa que se puxo de manifesto a importancia de garantir a accesibilidade universal e a inclusión real nos espazos comunitarios e deportivos.
A iniciativa xurdiu tras a execución do proxecto "Intervención para a accesibilidade universal no local social Antiga Escola de Adai: adaptación de aseo accesible", financiado pola Área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo a través das subvencións de 2026 destinadas a entidades asociativas sen ánimo de lucro das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.
Grazas a esta intervención, o local social Antiga Escola de Adai dispón agora de accesibilidade total para a celebración de actividades culturais e deportivas. O inmoble ten un uso compartido entre o Club de Billar Adai, a Asociación de Veciños de Adai e outras entidades culturais da zona.
Entre as próximas actividades previstas neste espazo figuran a primeira xornada da Liga Nacional de pool, un curso de cestería dirixido á veciñanza e o seu uso como local electoral.