O club de lectura de Lugo Patrimonio e Trama analizará a novela 'Doce arrolo'

LugoXa
A sesión celebrarase o venres 23 de outubro ás 17.00 horas na Librería Trama e estará dedicada á obra de Leïla Slimani, galardoada co Premio Goncourt en 2016
Librería-Trama-Lugo
16 Oct 2026

A novela 'Doce arrolo', da escritora Leïla Slimani, centrará o próximo encontro do club de lectura organizado por Lugo Patrimonio e a Librería Trama. A sesión terá lugar o venres 23 de outubro, ás 17.00 horas, nas instalacións da librería.

Publicada por Hugin e Munin, a obra narra a historia de Myriam Charfa e Paul Massé, unha parella parisiense con dous fillos que decide contratar unha neneira para que Myriam poida retomar a súa carreira como avogada. A elixida é Louise, unha muller que ao principio parece perfecta e que axiña se converte nunha figura imprescindible para a familia.

Porén, tras esa aparencia de perfección agóchase un pasado difícil e unha situación de illamento que irá marcando o desenvolvemento da historia ata desembocar nun desenlace tráxico.

Cun estilo incisivo e conciso, Slimani constrúe un thriller psicolóxico que afonda en cuestións como a maternidade, a crianza, as relacións de poder, a humillación e a alienación. A novela, inspirada nun caso real, recibiu o Premio Goncourt en 2016.

As persoas interesadas en participar no club de lectura poden inscribirse a través do correo electrónico info@libreriatrama.com ou no teléfono 982 25 40 63.

0.14590096473694