O Club de Natación PortaMiñá comeza a tempada cos seus equipos masculino e feminino en Primeira División Nacional

O Club Natación PortaMiñá de Lugo afronta unha tempada histórica coa súa estrea na competición nacional tras o ascenso conseguido o ano pasado. A entidade dará así un novo paso na súa traxectoria deportiva, cun reto que supón un motivo de orgullo para o club e para toda a súa familia.
Ademais, o PortaMiñá marcará un fito na natación galega ao converterse no primeiro club de Galicia que conta simultaneamente cos seus equipos masculino e feminino en Primeira División Nacional.
A entidade lucense afronta esta nova etapa coa intención de seguir competindo ao máximo nivel tamén en Galicia, onde buscará loitar por todos os obxectivos que estean ao seu alcance. Para iso, o club destaca a importancia da ilusión, o traballo e o compromiso como piares desta tempada.