O Club Deportivo Lugo asinou un acordo formativo de colaboración coa Sociedade Deportiva Ribadeo

LugoXa | AMariñaXa
Esta iniciativa representa unha nova oportunidade para que mozos xogadores da Mariña Lucense poidan desenvolverse nunha contorna profesional e formativa de primeiro nivel
Club-Deportivo-convenio-SD-Ribadeo
11 Feb 2025

O Club Deportivo Lugo asinou un acordo formativo de colaboración coa Sociedade Deportiva Ribadeo, que supón un novo avance na estratexia do club para fortalecer os seus vínculos con entidades deportivas locais, especialmente na Mariña Lucense.

Grazas a esta alianza, o CD Lugo poderá seguir detectando e incorporando talento mozo da zona, ofrecendo oportunidades de formación e crecemento a novos futbolistas.

Ademais, o acordo contempla diversas iniciativas orientadas á capacitación e divulgación, entre as que destacan a organización de xornadas formativas e a celebración dun Campus de Verán en Ribadeo.

A primeira destas xornadas tivo lugar o pasado venres no Cine Teatro de Ribadeo, onde se celebrou unha charla dirixida a deportistas, técnicos e outros interesados.

O evento contou coa ponencia de David Páez, director de canteira do CD Lugo, que presentou o "Método CD Lugo", explicando a filosofía de traballo e desenvolvemento do fútbol base que aplica o club.

Tamén acolleu a de Astrid Rodríguez e Jessica Valín, psicóloga e psicopedagoga do CD Lugo, que ofreceron unha ponencia centrada nos valores do deporte, subliñando a importancia do crecemento tanto persoal como colectivo dentro do ámbito deportivo.

Esta iniciativa representa unha nova oportunidade para que os mozos xogadores da Mariña Lucense poidan desenvolverse nun contorno profesional e formativo de primeiro nivel.

0.17438220977783